About
Benvid@ a esa Galicia profunda da que moitos presumimos. Neste episodio voute levar a unha parroquia galega que cada mes de xullo protagoniza portadas en medio mundo, aínda que durante o resto do ano non saibamos tanto dela. Por que en Sabucedo (A Estrada, Pontevedra) o traballo continúa paseniño os 365 días do ano para preservar, non só unha das tradicións máis senlleiras de Galicia, senón un ecosistema único no mundo. Benvid@ a unha Rapa das Bestas en 360º .  Imos falar de moito máis ca dos días grandes da Rapa. Imos sobrevoar unha lenda que marca o carácter da veciñanza, escoitaremos sobre o valor do traballo en equipo e da defensa do rural, tamén de fixar poboación nesa terra e da preservación do monte. Ademais, contarannos sobre a beleza e os desafíos de conservar a estes cabalos salvaxes no mundo de hoxe. E para iso, acompáñannos: Paulo Vicente Monteagudo, Presidente da Asociación Rapa das Bestas e aloitador. Maruxa Obelleiro, veterinaria e integrante da asociación. Iván Sanmartín, avogado da asociación. Henrique Bazal, aloitador, expresidente da asociación e actual secretario. E Javi Brea, un deses aloitadores especiais. Que malia vivir lonxe, tamén pon o seu grao de area para que a tradición non decaia. Dalle unha escoita ao episodio 17 de Viaxantas.  Coñece máis sobre a Asociación Rapa das Bestas e sobre o estudo da Universidade da Coruña que mencionamos neste episodio. 
1h 11m 23s · Dec 22, 2021
© 2021 Spreaker (OG)